Ao longo da fin de semana do 21 ao 23 de outubro do 2016, dentro da exposición “A Nosa Memoria”, adicada á memoria histórica de Salvaterra preto de 700 veciños e veciñas puideron recordar unha parte esquecida da historia da nosa vila.

A apertura de portas tivo lugar o venres 20 ás 19:30h e xa nas primeiras horas foron decenas de persoas ás que foron até as Covas de Dona Urraca para ver as fotografías e documentos da época.

Na exposición, ademais das fotografías expostas, podían consultarse listaxes de persoas represaliadas ou asasinadas de Salvaterra, algo que causou un gran impacto entre os visitantes. Ademais das historias e documentos que facían referencia a diferentes persoas ou momentos, entre os que destacan as Sociedades Agrarias, Lazoiro pretendía dar a coñecer tres figuras importantes; A primeira , Manuel Mariño Méndez, nado na parroquia de Fiolledo, dotado dun talento emprendedor e compromiso social creou no ano 1913 a Sociedade Agraria de Fiolledo, Oleiros e de Salvaterra coa axuda dos emigrados na Arxentina. Foi Concelleiro e o primeiro Alcalde constitucional na II República de 1931 e 1934. Sendo enlace da Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño en Bos Aires mercou os terreos para facer en Salvaterra a Casa Cooperativa Sindical ou Casa do Pobo (1927-1929). Delegado Rexional no II Congreso da Federación Nacional de Traballadores da Terra en 1931 en Madrid. Co golpe de Estado do 1936 controlou e dirixiu accións para preservar a legalidade. Tivo que agocharse na parroquia de Leirado e posteriormente fuxiu a Portugal, detido en Monçao durante uns meses, remataría nun penal de Lisboa que coa axuda do embaixador español logrou fuxir á zona republicana. Regresou a Galicia en 1947 con 65 anos de idade aproveitando un indulto de Franco para aqueles que non tiñan delitos de sangue. Viviu silenciosamente na parroquia que o viu nacer ate o seu falecemento o día 15 de febreiro de 1967 aos 85 anos de idade.

A segunda persoa, José Domínguez González, Tte. De Alcalde fusilado, naceu na parroquia de Corzáns, con 16 anos emigra a República Arxentina, traballou de panadeiro e foi sindicalista deste gremio. En 1920 foi membro da Comisión da Directiva recen fundada “Sociedad Juventud Progresista Hijos de Fornelos y Anexos de Buenos Aires”. Axudou na compra dun terreo para a escola de Fornelos, entre outros. Escribiu artigos para Acción Gallega ou A Fouze de Bos Aires. Membro da Sociedade Nazonalista Pondal de Bos Aires.A Raíz do golpe do 18 de xullo de 1936 forma parte do Comité da Defensa da República, participa na requisa de armas, municións e ferramentas seguindo as ordes oficiais que emitía o Goberno. O 28 de xullo publícase un bando de guerra en Salvaterra e aínda que Domínguez permanecerá agochado en Corzáns, remata por ser detido, ingresou na prisión de Tui 11 dea gosto, trasladado a Vigo para ser finalmente fusilado no monte do Castro en Vigo o 24 de febreiro de 1937.

A terceira persoa, Don Manuel Puente González (1890-1970), naceu na parroquia de Oleiros, en 1906 emigra a Bos Aires e aprende o oficio da xoiería, funda no 1919 a empresa Manuel Punta y Cia, unha das maiores cadeas de xoiería e pratería da Arxentina. Puente foi fundador da dirección de Sociedad Anónima Industría Sérica Argentina, primeira fábrica de seda natural da Arxentina. Tivo diversos cargos, entre os que cabe destacar o de tesoureiro na Cámara Sindical de Comercio de Bos Aires, presidente da Cámara de Comerciantes Republicanos Españoles e fundador e primeiro presidente da Sociedade Unión Progresista de Salvatierra de Miño. Membro da Federación de Sociedades Galegas e a Irmandade Galega da Arxentina, socio do Centro Gallego, Centro Orensano, Centro Pontevedrés e outros. En 1929 viaxa a Salvaterra onde inaugura a Casa do Pobo. En 1940 cando Castelao chega a Bos Aires en calidade de exiliado, Puente puxo a disposición de Castelao e a súa dona Virxinia Villaverde e outros. Funda xunto a Castelao e outros o Consello de Galiza (Goberno galego no exilio), sendo Puente presidente da Comisión de Facenda. Costeou diferentes obras de Castelao, entre as que esta o Sempre en Galiza, Albumes de Guerra e as Cruces de Pedra. Sufragou tamén os gastos de Historia de Galicia de Otero Pedrayo e contribuíu a recadación de fondos para financiar a editorial Galaxia fundada no 1950. Finou en Bos Aires no ano 1970, deixando a súa pegada na historia como o gran mecenas galego da emigración.

Para rematar, o domingo 23 tivo lugar un acto de homenaxe no que interviñeron Xesús Alonso Montero, Pte. Da Real Academia Galega, Xosé Ramón Paz Antón, Historiador, investigador e Fernando Abreu, que amenizou a xornada coa súa música.

Xesús Alonso Montero leu a carta que José Domínguez González, Tte. De Alcalde de Salvaterra, escribira a súa namorada horas antes de ser fusilado, como resultado foi unha intervención moi emotiva, Xosé Ramón Paz Antón fixo un repaso pola historia do agrarismo en Salvaterra e na contorna, e Fernando Abreu tocou varias peces entre as intervencións.

Foron unhas xornadas de moita emoción, en especial o domingo co acto de homenaxe-palestra onde houbo familiares dos represaliados.